Sunday 12 de May de 2024

Feijóo adianta que un total de 18 empresas galegas e 13 centros de coñecemento da comunidade traballarán para o parque tecnolóxico de avións non tripulados a través de contratos por valor de 42m€


Salienta que a creación deste parque tecnolóxico e industrial no aeródromo lugués de Rozas contará cun investimento de 115 millóns e creará 600 empregos

Tras un proceso de licitación internacional que comezou en xuño de 2015, e logo de que as empresas Indra e Inaer foran as adxudicatarias do contrato para a posta en marcha do parque tecnolóxico de avións non tripulados de Galicia -cuxas instalacións albergará o aeródromo lugués de Rozas-, Feijóo avanzou hoxe que un total de 18 empresas galegas e 13 centros de coñecemento da comunidade traballarán para este parque, a través de contratos por valor de 42 millóns de euros.

Despois dunha reunión mantida esta mañá co presidente e conselleiro delegado de Inaer, Manuel López Aguilar, e co presidente de Indra, Fernando Abril-Martorell, Feijóo afirmou que con es xuntanza danse os primeiros pasos para materializar oficialmente este acordo de colaboración que se asinará o vindeiro mes de abril.

“Estamos a falar da implicación directa de 18 empresas galegas, de 10 centros tecnolóxicos e das tres universidades”, precisou, destacando que -ademais das tres universidades- os dez centros tecnolóxicos son: AIMEN (Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste); CESGA (Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia); GRADIANT; LOURIZÁN (Centro de Formación e Experimentación de Lourizán); ITMATI (Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial); CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías de la Información as Comunicacións); CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia); CETMAR (Centro Tecnolóxico do Mar); CIAR (Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas), e ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia).

Feijóo aseverou que, con este encontro ponse o punto de partida a un proxecto tecnolóxico comprometido con Galicia, co emprego e cunha industria innovadora de grande proxección internacional. E, incidiu en que esta alianza estratéxica que a Xunta asinou con estas dúas multinacionais contempla “como mínimo unha década de traballo conxunto”.

Non en van, o titular do Goberno galego resaltou que entre as dúas empresas, Inaer e Indra, suman máis de 8.000 millóns de euros de facturación anual e 48.000 empregos; “e, teñen acreditado solvencia técnica e experiencia en I+D+i no ámbito da aviación non tripulada para se converter nos mellores socios industriais cos que materializar o parque tecnolóxico que a Xunta concibiu para o aeródromo de Rozas”, abondou.

Un investimento de 115 millóns de euros e a creación de 600 empregos
Máis polo miúdo, Feijóo lembrou que a creación deste parque tecnolóxico e industrial contará cun investimento público-privado de 115 millóns (75 millóns que achegan Inaer e Indra, e 40 millóns investidos pola Xunta). Ademais de contemplar a creación de 600 postos de traballo; e que tanto Indra como Inaer trasladen a Galicia toda a súa actividade no eido dos avións non tripulados e, con iso, os dous centros de mantemento da súa flota de aeronaves.

Así mesmo, este proxecto porá en marcha dúas fábricas -a fábrica de helicópteros non tripulados de Inaer e a fábrica de avións non tripulados de Indra-; e suporá a implantación en Galicia de 6 novas empresas: tres delas filiais de Indra, e tres empresas novas (Acubens, S4A Solutions for Aviation e Tecnam Aviation).

O compromiso de ambas as dúas multinacionais de que desenvolverán na Comunidade un catálogo de produtos que fabricarán en Galicia para comercializar a nivel mundial; e o impulso de novas tecnoloxías aplicables, tamén, en sectores como o naval, a automoción ou o metalúrxico, son outros obxectivos desta iniciativa.

O polo aeronáutico de Rozas contará, por outra banda cun Centro tecnolóxico; cunha Oficina de deseño e certificación; cunha Unidade de instrución e formación de pilotos, e outra para operadores de sensores; cun Centro de control de tráfico aéreo; cun novo hangar; e cunha incubadora de empresas.

Impacto sobre o tecido industrial e sobre as pemes do sector
Durante a súa intervención, Feijóo subliñou que o parque tecnolóxico e industrial de Rozas vai ter un impacto claro sobre o tecido industrial de Galicia e tamén sobre as pemes do sector, xa que gañarán en capacidade tecnolóxica, en volume de produción, e en proxección internacional, posto que o traballo que se realice desde Rozas contribuirá a posicionar Galicia no contorno dunha industria europea en pleno proceso de expansión.

“E, é innegable que a industria de aeronaves non tripuladas ten, ademais, unha importante aplicación nos servizos públicos. E interésanos moito avanzar na extinción de incendios, na xestión dos recursos forestais, agrícolas e gandeiros, no salvamento marítimo, na vixilancia costeira, na protección do patrimonio cultural, e na xestión das emerxencias”, lembrou.

Sobre este punto, Feijóo confirmou que entre as diferentes tecnoloxías e produtos que se van desenvolver en Galicia figuran tres modelos de avións non tripulados cun alto valor potencial no mercado: un deles para a vixilancia de lumes, outra aeronave de ala fixa para a vixilancia costeira, e un vehículo mariño non tripulado que inclúe un microrobot submarino capacitado para a recollida de mostras.

“En definitiva, esta semana comezamos a traballar, en contacto permanente coas dúas empresas responsables do proxecto. Temos ante nós un plan para converter o aeródromo de Rozas nun parque industrial e tecnolóxico, para poñer en valor as enxeñarías das universidades galegas; para servir á industria naval e da automoción; para seguir ampliando as empresas do sector aeronáutico… Temos a oportunidade de ser pioneiros en España e en Europa”.

Feijóo concluíu expresando o seu convencemento de que Rozas “pode ser un punto de referencia a nivel europeo”. “E, estamos tamén a revitalizar o interior de Galicia”, afirmou, ao que engadiu que este acordo nace “con vocación de permanencia e con vocación de futuro”.